Que é eBiblio?

eBiblio é un servizo gratuíto de préstamo de libros electrónicos en liña ofrecido a través das bibliotecas públicas españolas, está coordinado e impulsado pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Deporte en colaboración cos Servizos de Bibliotecas das Comunidades Autónomas.

Trátase dun proxecto aberto, baseado na cooperación entre administracións no que participan todas as Comunidades e Cidades Autónomas, excepto o País Vasco, que conta coa súa propia plataforma de préstamo electrónico.

De acordo con dita cooperación, a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura pon ao dispor das Comunidades a plataforma encargada da xestión do servizo e un fondo de títulos común, mentres que as Comunidades Autónomas adaptan e incrementan a colección en función dos intereses e particularidades dos seus usuarios, dando lugar ao aumento da colección e mellorando os servizos bibliotecarios ofrecidos aos cidadáns, permitindo ás Comunidades ofrecer un servizo de préstamo de documentos electrónicos a través das súas respectivas redes de bibliotecas públicas.

O servizo eBiblio é accesible 24 horas ao día, 7 días á semana e 365 días ao ano a través de internet e permite a lectura tanto en liña como a través de descarga. Dispón dunha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles dispoñible nos store de iOS e Android, que xestiona todas as actividades relacionadas co préstamo e lectura de documentos. Para facer uso do servizo unicamente é necesario dispoñer dun dispositivo de lectura compatible co formato de publicación ePub e acceso a internet, ademais de estar en posesión dun carné de calquera das bibliotecas públicas participantes en eBiblio. Os lectores Kindle non son compatibles con eBiblio debido ás restricións de licenza e formato Amazon.

A colección de eBiblio inclúe obras de ficción e non ficción para público adulto e infantil, ofrecendo un fondo equilibrado no que se atopan representadas todas as materias (Literatura, Ciencias, Humanidades, Autoaxuda, Saúde, Deporte, etc.). Para manter o fondo actualizado, regularmente engádense novidades que inclúen as últimas publicacións dos escritores máis lidos.